SOBRE NÓS

A NOSA HISTORIA

Tamara e Lorena coñecéronse en Londres cando estudaban na Guildhall School of Music and Drama e dende entón colaboraron en varios proxectos musicais.

Unha tarde de inverno nunha cafetería de Marylebone, a partir de borranchos inconexos nun caderno e de apaixonadas ideas, nace XOGA.

A nosa intención principal era a de usar o galego como lingua das óperas que tiñamos intención de producir.

Durante a procura de repertorio atopamos a ópera “O Arame” escrita no 2006 por Juan Durán sobre texto de Manuel Lourenzo e acabou por se converter na nosa primeira producción no Reino Unido.

 

Tamara coñeceu a Cecilia Stinton cando traballaban para a British Youth Opera e, fascinada polo seu talento e enerxía, propúxolle ser a primeira directora de escena para XOGA.

Grazas a Cecilia tivemos a sorte de contar cos bailaríns Fran e Marysol e, o noso primeiro Labarta, o barítono Malachy Frame, veu da man de Lorena.

Na orquesta contamos con músicos de diferentes países que puxeron neste proxecto tanta paixón coma nós e afrontaron con seriedade ensaios inusuais con pianos desaparecidos…

Neste primeiro ano de existencia recibimos un Arts Grant do Royal Borough of Kensington and Chelsea e completamos con éxito unha campaña de financiamento popular a través da plataforma Verkami. Ademais, XOGA foi seleccionada por YCAT (Young Classical Artists) dentro dos seus proxectos de mentoring.

 

 

 

En xuño do 2017 coa axuda de Laura Blanco de la Barrera, lectora de galego na Universidade de Oxford, estreamos “O Arame” no auditorio do Magdalen College e dúas semanas máis tarde estreamos en Londres no emblemático teatro The Tabernacle na compaña do compositor da obra e dos alumnos de galego do Instituto Cañada Blanch de Londres. A esta función asiste tamén a encargada da programación do Omnibus Theatre, onde nos volveremos a presentar en xuño de 2018.

 

 

O NOSO NOME 

Xoga [ʃoga] do Latin iocāri – verb (imp.)

Moitas linguas tratan a produción musical coma se dun xogo se tratase. Os anglófonos danlle ao “play” para xogar ás agachadas e ao “play” para repicar a pandeireta. Formas antigas destes verbos tiñan significados como saltar de ledicia ou bailar.

Que conceptos tan cheos de enerxía e optimismo!

Namentres, na Península Ibérica, simplemente tocamos. Claro, como non sexas un thereminista, non che queda outro remedio que tocar o teu instrumento para facelo soar… e, onde queda o resto da maxia: o movemento, o xogo, o intercambio cos demais?

Acordamos roubar estes significados e, aínda que continuaremos a tocar os nosos instrumentos, queremos xogar!

XOGA CONNOSCO!

MISIÓN

Plataforma de artistas para representar obras contemporáneas e obras esquecidas coa intención de crear unha identidade dramático-musical galega, promovendo o talento feminino e xuntando audiencias de diferentes xeracións e estratos sociais.